A edición 2016 de Transfiere márcase como obxectivo contar con máis presenza de firmas demandantes de TIC

martes, 21 de xullo do 2015 Redacción

O Foro Transfiere (Foro Transfire en galego), acadará a súa quinta edición os vindeiros 10 e 11 de febreiro de 2016 en Málaga. O comité organizador do encontro reuniuse recentemente en Madrid para marcar as liñas estratéxicas, que pasarán por unha maior presenza de empresas demandantes de tecnoloxía e de investigadores e, tamén, polo fortalecemento do sector financeiro. O país convidado desta volta será Corea do Sur.
A dita xuntanza do comité celebrouse na sede do Ministerio de Economía e Competitividade en Madrid, e na reunión establecéronse os obxectivos para a vindeira convocatoria, prevista no Palacio de Feiras e Congresos de Málaga (FYCMA) os días 10 e 11 de febreiro de 2016. Amais de fixárense os devanditos obxectivos (máis empresas, máis sector financeiro), informouse que a edición 2015, celebrada os días 11 e 12 do pasado mes de febreiro, “foi a máis internacional até a data”, coa presenza de 26 países de todo o mundo e Israel como nación convidada.
O evento, que en palabras dos organizadores “estase a consolidar como a principal cita estatal sobre I+D+i”, vén avalada polos datos da edición anterior, no que se deron cita máis de 2.300 profesionais do sector e houbo 5.000 reunións de traballo en apenas día e medio. A idea do comité é que o foro tome como base a necesidade de fomentar o diálogo entre o tecido investigador e a empresa “para potenciar a innovación española no ámbito global”. Deste xeito, incorporarase unha axenda de citas en liña para a celebración de reunións ao redor dos principais sectores produtivos, tales como o das TIC, a sanidade, o medio ambiente, a infraestrutura e o transporte, a industria, a enerxía, e os sectores agroalimentario, aeronáutico e aeroespacial, e “sen esquecer as administracións públicas”.
Lembrar que no foro reúnense cada ano axentes públicos e privados vinculados ao ecosistema do I+D+i, así como profesionais independentes e representantes de PEME e multinacionais, administracións públicas, universidades, centros tecnolóxicos e parques científicos e tecnolóxicos entre outros.
En febreiro de 2015 foron máis de 450 as entidades públicas e privadas participantes no foro, “aglutinándose 2.050 perfís tecnolóxicos, medio centenar de universidades, 220 grupos de investigación e máis de 130 expertos internacionais no seu programa de conferencias e mesas redondas”.
Presenza galega
Seguindo o fío da edición anterior do evento de Málaga, cómpre lembrar tamén a importante presenza nela de institucións, entidades e empresas da nosa terra, tal e como subliñamos no seu día dende Código Cero. Así, contouse entre os seus impulsores directos co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e entre as entidades que participaron (amosando a través de xeiras de networking as súas investigacións) coas tres universidades galegas (USC, UDC e UVigo) e máis co Instituto Tecnolóxico de Galicia. Engadir tamén para a edición 2016, recuncando, a concorrencia activa de EnergyLab (UVigo), o centro tecnolóxico CITIC (UDC) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), En total, procedentes de todos os recantos do Estado, participaron un total de 45 plataformas tecnolóxicas.

PUBLICIDADE