A e-receita do Sergas permitirá aliviar a conxestión nos centros e favorecerá o día a día dos pacientes

luns, 13 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

A receita electrónica vai ser a curto e medio prazo un dos piares fundamentais nos que se apoie a aposta tecnolóxica da Consellería de Sanidade. Así o fixo saber o pasado venres o propio presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, durante o acto de posta en marcha do Sistema de Dispensación do dito recurso sanitario-dixital, unha ferramenta que, entre outras achegas de interese para os cidadáns, deixaría marxe para incrementar nun 30% o tempo dispoñible para a atención médica directa nos pacientes, co que se contribuiría a aliviar a conxestión na rede sanitaria galega.
Asemade, será de especial importancia para os doentes crónicos, sobre todo en cuestións de comodidade e de axilización dos trámites, podéndoselles prescribir tratamentos para un máximo dun ano. A presentación oficial deste servizo, celebrada en Miño, contou tamén coa presenza da conselleira de Sanidade, María José Rubio.
A e-receita, que pasará a incluírse na historia clínica electrónica do Sergas, chegará a 45 concellos antes de que remate o ano, dando servizo a uns 220.000 galegos e galegas. A idea é estender o seu uso en toda Galiza ao longo do ano que vén.
Por certo que a ferramenta non só traerá unha mellora na atención aos cidadáns, senón tamén un traballo máis coordinado entre facultativos e entre estes e os responsables das farmacias, que terán unha oportunidade para optimizar a súa capacidade de xestión e de manexo de stocks. De feito, a e-receita crea reforza ligazóns entre todos os puntos de sistema: tanto os que integran a rede de farmacias como os centos de distribución e saúde como os propios hospitais. Contribuirá pois a crear unha rede de comunicación en si mesma.
Este recurso, que comezou operando en tres dispensarios de Miño, estase a estender agora a Salceda de Caselas. Unha das grandes vantaxes que está a achegar este servizo é sen lugar a dúbidas o devandito de aforro de tempo, esforzos e desprazamentos para os doentes. No caso dos enfermos crónicos con múltiples medicacións, como dixemos, o sistema evitaríalles viaxes continuas aos puntos de atención, achegando dispensacións por un máximo anual que logo o propio médico regula.

PUBLICIDADE