A dixitalización será un dos eixes básicos da terceira edición de Mindtech

venres, 17 de febreiro do 2023 S. P.

Vigo acolle este venres 17 de febreiro a presentación do encontro Mintech 2023 (Metal Industry and Technologies International Trade Fair), que se celebra este verán (do 20 ao 23 de xuño). Será a terceira edición dun encontro organizado pola Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME) que na súa anterior convocatoria foi quen de atraer máis 20.000 visitantes e máis de dous centenares de expositores, amais de preto de medio cento de novas firmas innovadoras e centros de aceleración. Na presentación participou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen salientou que Mindtech é “o espazo idóneo para xerar sinerxías entre empresas tractoras e startups da industria”.
Durante a súa intervención, Conde reivindicou o alicerce industrial que “Galicia leva no seu ADN”, e salientou “a importancia da colaboración público-privada como panca do tecido económico”.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación destacou que o sector do metal representa o 20% do PIB de Galicia e que no 2022 supuxo o 35,4% do total das exportacións galegas. Francisco Conde subliñou que esta industria “abrangue un amplo número de actividades cun grao de interrelación e competitividade que o converten nun dos sectores con máis potencial para a innovación e para a diversificación de mercados e produtos”.
Conde dixo que na terceira edición de Mindtech van estar moi presentes os retos da innovación, a dixitalización, a transición enerxética e a sustentabilidade, resaltando que neste encontro “vai quedar de manifesto o esforzo e a capacidade coa que a industria galega, co apoio das administracións, lles está dando resposta”.

PUBLICIDADE