A dixitalización de documentos históricos de Santiago xa chegou a 63.000 escrituras notariais

mércores, 25 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

O Programa Urbe, do que falamos hai uns anos con motivo do asentamento dos seus alicerces (alá en 2007), vén de presentar froitos tecnolóxicos. Para situármonos trátase dunha iniciativa posta en marcha polo Consorcio e a Universidade de Santiago dirixida a botar man dos novos espazos dixitais (amplos de abondo, accesibles até que se amose o contrario e, nas condicións idóneas, ceibes dos diferentes estragos que lles afectan aos soportes do coñecemento tradicionais) para dar acubillo a todos os fondos documentais da cidade e crear unha ferramenta informática básica de consulta e documentación.
Pois ben, segundo informan as entidades responsables do desenvolvemento, a día de hoxe xa hai máis de 63.000 escrituras notariais dixitalizadas, o que dá como resultado unhas 300.000 imaxes xeradas. Este inxente coñecemento xerado, lonxe de proceder da nada, extráese de dúas das bases de datos que máis e mellor dan conta da historia de Santiago de Compostela: o Arquivo Universitario e máis o Arquivo da Catedral.
A iniciativa, que asume deste xeito a súa recta final (o último ano de traballo dos catro estipulados), incluíu uns orzamentos anuais de 120.000 euros. Segundo conta o Consorcio, para o desenvolvemento do Programa creouse un equipo de traballo dirixido polo catedrático de historia medieval da USC, Fernando López Alsina, e integrado por arquiveiros e documentalistas. Tamén coordinan o proxecto o canónigo arquiveiro da Catedral, o deán José María Díaz Fernández, a directora do Arquivo Histórico da USC, María José Justo, e o responsable de estudos históricos e publicacións do Consorcio de Santiago, Juan Conde.
O traballo, sinala a entidade compostelá, deu comezo coa busca e identificación dos documentos e catálogos máis salientables dende o punto de vista histórico da cidade, abordándose logo a organización dunha base de datos dixital dos documentos. A idea, con isto e con outras propostas que inclúe Urbe, é favorecer dous procesos teoricamente opostos pero na práctica máis que compatibles: pór a información creada ao alcance da cidadanía (a través da Rede) e, tamén, preservar para sempre os datos achegados polos devanditos fondos documentais.
Os documentos dixitalizados xa se poden consultar nas webs do Arquivo Universitario e do Arquivo da Catedral.
Os datos creados ao abeiro do Programa Urbe, engade o Consorcio, pasarán tamén a formar parte do Sistema de Información Patrimonial, un sistema informático de xestión espacial da realidade urbana de Santiago. “Do mesmo xeito, será unha ferramenta fundamental do futuro Museo das Peregrinacións e de Santiago, cuxa sede futura está a acondicionar o Consorcio de Santiago no edificio do antigo Banco de España”, sinala.

PUBLICIDADE