A diversidade sexual das comunidades, polo miúdo nunha web impulsada dende o Campus de Ourense

martes, 12 de xaneiro do 2016 Redacción

Un grupo da Universidade de Vigo dirixido pola socióloga galega Águeda Gómez vén de pór en marcha unha web dirixida a amosar os moi diversos xeitos que temos as persoas de relacionarnos. A páxina, “unha viaxe transcultural polo xénero e a sexualidade en diferentes comunidades”, encamíñase nas palabras das súas impulsoras a visualizar “outras formas de sociedade, con outras clasificacións de xénero e de sexualidades”. Segundo informa a Uvigo, o sitio en cuestión é moi acaido para investigadores e docentes e leva por título Etnicsexualidade. Investigación en grupos étnicos e sexualidade.
O acubillo en liña recompila os froitos do traballo realizado ao longo de máis dunha década pola docente da Facultade de Ciencias da Educación (Campus de Ourense) Águeda Gómez con especialistas como a antropóloga mexicana Marinella Miano; a socióloga Silvia Pérez; o docente de Comunicación Audiovisual Xaime Fandiño, a docente de Economía Aplicada Rosa María Verdugo e o enxeñeiro agrónomo Alejandro Nuricumbo.
O resultado de todo isto permite ver como “o sistema sexo/xénero dunha sociedade non obedece a unha orde natural dada, senón que é un produto sociocultural e, polo iso, temporal e cambiante”, sinala a responsábel da páxina, que engade que estamos, ante todo, “perante deseños culturais de carácter arbitrario que responden a relacións históricas e sociais, de poder e de control social”.
Detrás da web, dándolle forma e apoio, atópase a unidade didáctica Xénero e sexualidade no mundo: unha viaxe transcultural, realizada grazas ao accésit concedido no primeiro Premio de creación de materiais e recursos docentes con perspectiva de xénero Antonia Ferrín Moreiras, convocado pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo no ano 2015. Como contexto a esta unidade didáctica, podemos dar conta na páxina de traballos sobre a prostitución en España; a educación para a igualdade desde a antropoloxía sexual; as culturas sexuais indíxenas en México; a existencia de sociedades matriarcais; a relación entre e etnicidade e identidades analóxicas, e a muller e a mobilización étnica. Segundo informa a Universidade de Vigo en relación a estes traballos achégase un amplo abano de información, vídeos e imaxes orixinais sobre as culturas obxecto de interese, presentacións, ligazóns a recursos de interese, etc.

PUBLICIDADE