A disposición dos internautas o repertorio da SGAE

xoves, 9 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

O colectivo artístico Derivart vén de poñer ao alcance da comunidade en liña o repertorio da SGAE, proceso que a primeira vista non ofrece maior transcendencia pero que ten potencial para revolucionar o acceso á música protexida en España con dereitos de autor pechados, ou, xa a un nivel máis modesto, estragarlle o verán á entidade de xestión de licenzas. Segundo conta EXGAE, plataforma que como o seu nome indica non se atopa precisamente na listaxe de amigos da SGAE, trátase dunha nova histórica que pon a todos os cidadáns en disposición de saber o que a entidade abrangue e o que non, co que se abre marxe de manobra para non empregar obras depositadas na entidade de xestión.
O paso que cómpre dar para acceder ao devandito repertorio pasa de xeito inevitable polo uso de dúas ferramentas: O Inspector (que complementa ao Firefox para comprobar se a música rexistrada na SGAE está dispoñible nas redes p2p) e máis o Manager (a ferramenta que axuda aos internautas a identificar cando unha obra rexistrada na SGAE está dentro dun cartafol nos seus computadores). Ámbolos dous recursos, pero máis que nada o segundo, semellan útiles para non queimar os dedos no caso de que se estea a organizar unha festa musical con música libre e exclusivamente libre, e evitar así que se coe unha protexida. Por certo que segundo conta a XGAE, o festival no que se presentaron as ditas ferramentas, o certame InnMotion de Barcelona, converteuse nunha mobilización de adeptos da música libre: arredor de dous milleiros de asistentes remataron por tirarlle partido aos aplicativos. A nova referente a estes recursos anti-SGAE tamén aparece estes días referenciada en Chuza!

PUBLICIDADE