A discografía dos Beatles chega á iTunes Store

martes, 16 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Onte a portada da páxina web de Apple anunciaba que a estas horas teriamos unha importante nova relativa a iTunes, sorpresa que a poucas horas estragou The Wall Street Journal ao adiantar que sería a chegada á iTunes Store do catálogo musical completo de The Beatles, o que finalmente confírmase.
Os seareiros da banda de Liverpool poderán agora descargar por 149 euros a discografía completa do grupo en formato iTunes LP (ou sexa, incluíndo fotografías, notas e un vídeo en cada álbum) ou mercar por 12,99 euros cada álbum (agás algunha excepción, coma os discos de grandes éxitos, que custan 19,99 euros) e 1,29 euros cada canción; resultando relevante este lanzamento por ser moi agardado e por servir para ilustrar o fin do longo litixio entre Apple Inc (a compañía de Steve Jobs) e Apple Corps (o selo discográfico dos Beatles), pese a que a comezos de 2007 xa soterraran a machada de guerra.
A discografía dos Beatles xa podía adquirirse en formato dixital nunha memoria USB con forma de mazá dispoñible na tenda en liña da banda por un prezo de 200 libras esterlinas (234 euros), polo que os incondicionais da banda que queiran conservar no seu iPod ou iPhone os seus temas terán un xeito práctico e legal de facelo, resultando tal operación lixeiramente máis económica que a adquisición en soporte físico tanto dos álbums soltos como da discografía completa nunha caixa especial.
Aínda que os seguidores de John Lennon, Paul McCartney, Ringo Starr e George Harrison poden estar máis ou menos entusiasmados con esta novidade na iTunes Store (pese a que é de agardar que xa se fixeran anteriormente con estes álbums) os appleadictos están bastante decepcionados coa novidade presentada, pois esperaban que hoxe fose o día no que saíse oficialmente o iOS 4.2 e algúns servizo adicional para iTunes, como podería ser unha tarifa plana de descarga musical mediante subscrición ou un servizo de música por streaming na liña de Spotify.

PUBLICIDADE