A directora de GAIN enxalza o pulo tecnolóxico de Insitu nunha visita ás súas instalacións

martes, 24 de agosto do 2021 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, visitou en Vigo, este 24 de agosto, a sede da empresa Ingeniería Insitu, firma que tamén conta con sede en Lugo e que colabora co Polo Aeroespacial de Galicia, o gran proxecto da axencia autonómica para converter a nosa terra nun foco referencial de desenvolvemento de vehículos aéreos non tripulados e de tecnoloxías relacionadas cos mesmos. Precisamente a súa colaboración co Polo permitiu a Insitu xerar 21 empregos nos proxectos abeirados a esta iniciativa.
Na sa visita, Argerey quixo destacar a oportunidade que supón para as pemes galegas este Polo, o cal involucrou a 28 empresas no período 2015-2020, 23 delas de orixe galego (un 82%), que acadaron unha facturación de 26,2 millóns de euros (936.000 euros de media para cada empresa). A directora de GAIN tamén lembrou que o pasado 9 de agosto a Xunta de Galicia abriu o período de licitación para asinar acordos de asociación, a través dun investimento de 40M€, con entre catro e oito socios estratéxicos e tecnolóxicos para desenvolver arredor de 80 proxectos de I+D na nova etapa do Polo Aeroespacial 2021-2025 (o prazo de presentación de propostas estará aberto ata o vindeiro 10 de setembro).
Argerey tamén recordou que “desde a súa posta en marcha en 2015, o Polo favoreceu a chegada ao mercado de 60 solucións tecnolóxicas e produtos, como sistemas para a xestión de incendios, mostraxe de augas en encoros e atención de peregrinos con paradas cardio-respiratorias no Camiño de Santiago”. Grazas a esta participación, dixo, “as empresas galegas participantes na iniciativa viron reforzadas as súas capacidades tecnolóxicas e industriais e abriron oportunidades para a diversificación e a orientación cara a un sector con gran potencial de futuro”.
Traxectoria de Insitu
Ingeniería Insitu foi unha das empresas participantes no Polo Aeroespacial de Galicia na etapa 2015-2020. Isto materializouse nunha colaboración con Indra para o desenvolvemento dun módulo de inxestión e tratamento de datos xeoespaciais dentro do Centro de Misión e Procesado de Datos, e tamén, na adhesión da empresa galega ao Programa de Solucións do Polo, xunto a Cartogalicia e Sixtema, para a creación dunha plataforma que permite a integración de todos os datos xeorreferenciados capturados (co obxectivo de que sexan accesíbeis aos usuarios de aplicacións de información xeográfica).
A directora de GAIN tamén lembrou que Insitu resultou adxudicataria do proxecto Primare-inspeccións intelixentes avanzadas, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), no que levou a cabo un sistema de xestión de información xeorreferenciada para o control da actividade agraria en Galicia.
Ademais, esta peme galega é unha das impulsoras do proxecto Freedron (que permite a captura de datos xeorreferenciados con drons), integrado no programa de incubación da segunda edición da aceleradora especializada no sector aeroespacial, a Business Factory Aero (BFAero).

PUBLICIDADE