A debate as conclusións do Foro sobre Comunicación e Discapacidades

xoves, 18 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

O Observatorio dos Medios vén de facer públicas as conclusións acadadas no Foro sobre Comunicación e Discapacidades, que tivo lugar entre o 6 de novembro e o 16 de decembro do pasado ano, co fin de comentalas (e modificalas se é preciso) antes da súa publicación definitiva a finais de xaneiro na mesma web. Cómpre subliñar que este debate segue a ser aberto, estando convidada toda a cidadanía en xeral e, en especial, as persoas e colectivos que participaron no foro virtual.
O coordinador de contidos, José Villanueva, foi o encargado de elaborar o documento que contén os resultados e as conclusións xurdidas neste espazo de discusión na Internet, a partires da recompilación dos comentarios e das ideas dos diferentes relatorios, así como das expostas na xornada presencial, celebrada o pasado 16 de decembro na Fundación Luís Seoane da Coruña.
O obxectivo destas conclusións é unir as ideas, experiencias e recomendacións de xornalistas, persoal académico e organizacións de persoas con discapacidade para así facer viable que este colectivo teña unha presenza máis xusta e axeitada nos medios de comunicación.

PUBLICIDADE