A cuarta entrega de Youtubeir@s duplica amplamente a participación de 2019

luns, 23 de novembro do 2020 S. P.

As poetas Lucía Aldao e María Lado farán entrevistas cos finalistas

A cuarta entrega dos Premios Youtubeir@s, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez Concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, dará a coñecer as persoas gañadoras dos seus doce premios a comezos do mes de decembro. Este ano, a organización do certame substituirá a gala de entrega por un formato dixital no que os/as finalistas dos tres premios principais (canle, youtubeir@ e vídeo) serán entrevistados/as polas poetas Lucía Aldao e María Lado.
As conversas serán emitidas en Youtube e difundidas polas redes sociais ao longo dos días 1, 2 e 3 de decembro ás 20.00 h, mentres que a decisión definitiva do xurado ao respecto do palmarés farase pública tras a ponte de decembro.
Nesta cuarta entrega, segundo informaron as entidades organizadoras, o certame bateu as marcas de participación, ao duplicar amplamente as inscricións. Se en 2019, a concorrencia acadara a cifra de 240 vídeos e 50 canles, neste 2020 o xurado ha decidir entre 537 vídeos e 68 canles.
Entrega de premios en liña
Trala decisión do xurado (conformado por Brais Romero, Rosa Moreiras, Matías Tarrío, Xoana e Mabel Montes), a actividade de difusión continuará en Youtube e nas redes sociais dos Premios Youtubeir@s, xa que AldaoLado realizarán entrevistas con cada unha das persoas premiadas e promoveranse as iniciativas galardoadas nos doce premios ao longo do mes de decembro.
7.500 euros en premios
A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s conta con “cambios significativos” nas súas bases en comparanza con anos anteriores e un incremento da súa dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nos doce galardóns do certame neste ano. Os Premios Youtubeir@s regresan por cuarto ano consecutivo co obxectivo de animar a creación de vídeos en lingua galega con temáticas e formatos diversos, dende vídeos de deportes, viaxes ou videoxogos até videoblogs políticos ou videoconsellos de moda. Ao tempo, buscan darlle visibilidade tanto á produción en galego como á comunidade creadora e Expandir a Rede, como di o lema deste ano.
O concurso conta cos seguintes premios: canle, vídeo, youtubeir@, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación de 1000 euros e os nove restantes chegarán aos 500.

PUBLICIDADE