A creatividade e os contidos centran o novo faladoiro dixital

mércores, 29 de xuño do 2016 Redacción

Un novo faladoiro dixital organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) desenvolverase o vindeiro 8 de xullo dentro da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital. O encontro, que analizará a creatividade dixital, desenvolverase no Edificio Cinc da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, de 9:45 horas a 14:00 horas.
Tras a benvida institucional a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, intervirá Juan Corro, director académico de U-Tad, centro universitario referente na formación de futuros líderes do mundo dixital, quen se encargará de disertar sobre a “Formación e emprego na revolución dos contidos”.
A continuación dun breve descanso, falará Manuel Meijide, director de ILUX Visual Technologies e experto no deseño e desenvolvemento de proxectos integrais no eido das smart cities, quen abordará a charla Mundos dixitais e novos media. Coma último relator da xornada intervirá Roberto Romero, fundador de Future Lighthouse e desenvolvedor de realidade virtual, quen falará de Realidade virtual, novos horizontes.
Para finalizar o Faladoiro dixital arredor da creatividade dixital, celebrarase unha mesa redonda aberta ás preguntas dos asistentes.
As persoas interesadas en asistiren poden inscribirse de balde a través da páxina web do evento onde atoparán máis información do programa e dos relatores.

PUBLICIDADE