A construción do miolo da Internet será o eixe das novas accións formativas da Rede CeMIT

martes, 20 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, na rolda de prensa

Os responsábeis directos da Rede CeMIT, o tecido de aulas tecnolóxico-dixitais que o Goberno galego ten espalladas pola nosa terra, presentaron este martes 20 de setembro no CMG o programa formativo destes centros para o que resta do ano, un programa que salienta pola achega de recursos e coñecemento directamente vinculados á construción mesma da Rede e dos seus contidos. Estas accións, a desenvolver de aquí a decembro, xirarán arredor de cuestións como a creación de videoxogos, o deseño de páxinas para móbiles ou a creación de material audiovisual para a Rede. Chegarán a 59 aulas CeMIT e serán de balde e combinando o formato presencial coas novas feituras: as feituras en liña. No acto de presentación destas xeiras formativas participou o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, acompañado de Felicitas Rodríguez, xefa de Servizo de Programación Multimedia.
Asemade, tamén fixo acto de presenza Ignacio Otero, subdirector xeral de Planificación de Telecomunicación, quen aproveitou para falar das últimas novidades en relación ao despregue da TDT, que arestora se quere afianzar no 96% do noso territorio e que está a ser obxecto dunha serie de prendidos de novos múltiplex que asegurarán a chegada da maior oferta de canles posíbel ao noso rural, reforzando a cobertura.
Volvendo aos cursos presentados, dicir que serán de catro días de duración, e que, para cada un, emitirase un vídeo documental feito para a ocasión con cadanseus contidos, seguido dunha explicación e resolución de dúbidas (titorización) polo técnico experto a través de videoconferencia. Neste intre, informaron, hai en total xa máis de 340 persoas inscritas (155 no curso de creación de videoxogos, 101 no de creación de webs para móbiles, e 89 no de streaming de audio e vídeo). Os interesados poden reservar a súa praza a través da web, www.cemit.xunta.es, ou do número de teléfono, 902 222 321.

Ignacio Otero, Alfonso Cabaleiro e Felicitas Rodríguez durante a presentación desta mañá

O primeiro en celebrarse será o curso de creación de videoxogos (30 horas), que se desenvolverá a partir do 26 de setembro. Tanto este como os outros programados, dixo o secretario xeral de Medios, teñen unha notábel natureza práctica e están especialmente dirixidos para a xente nova. Ademais, dixo, son froito do noso tempo: “Estamos a falar de accións relacionadas con sectores que teñen na actualidade un gran dinamismo e moita importancia para o noso medre económico, produtivo e cultural”.
O interese xerado por este curso formativo de creación de videoxogos, que ten o prazo de inscrición virtualmente pechado (ao longo de hoxe aínda poderiamos estar a tempo de matriculármonos), foi moi salientábel, comentou a este fío Felicitas Rodríguez, tanto é así que foi preciso facer máis edicións das previstas. Trátase, máis polo miúdo, dunha actividade introdutoria que require certos coñecementos de base para ir traballando. Servirá, entre outras cousas, para achegar información e habilidades sobre todo o relativo a este sector en auxe, o das aventuras gráficas para consolas, ordenadores e móbiles, subministrándose un percorrido pola historia dos videoxogos e os procesos a seguir na creación dun produto destas características.
O seguinte curso será o de creación de webs para móbiles (30 horas), a partir do 24 de outubro; e por último, o curso de streaming de audio e vídeo (30 horas) que se impartirá a partir do 21de novembro.
Estas accións formativas cómpre inserilas no Programa de Formación 2011 da Rede de Centros para a Modernización de Inclusión Tecnolóxica, Rede CeMIT, a través do cal se imparten durante este ano en 89 concellos galegos máis de mil cursos de balde cunha asistencia estimada de 10.000 alumnos.
Sinalar ademais que o Centro Multimedia de Galicia vén realizando dende o ano 2000 programas de formación co fin “de actuar como elemento dinamizador dos sectores da sociedade relacionados coas tecnoloxías multimedia e audiovisual”. A día de hoxe, xa inserido na Rede CeMIT, dende o CMG preténdese “seguir familiarizando á sociedade galega neste sector optimizando os recursos e infraestruturas dos concellos”.
Polo que respecta á intervención de Ignacio Otero, lembrar que pasou revista ás máis recentes novidades en materia de TDT na nosa terra e das accións inmediatas que se van pór en marcha. Máis polo miúdo, fixo fincapé no desenvolvemento da extensión do múltiplex dixital da TDT, cousa que achegará unha serie de melloras na oferta de canles arestora dispoñíbel para a nosa cidadanía. Este traballo, que forma parte da segunda fase do despregue da tecnoloxía dixital, iría encamiñado a solucionar os problemas de recepción de determinadas cadeas que están a sufrir dende certas zonas do noso rural, cadeas que, por outra banda, si que se reciben nas contornas máis urbanas. A previsión é afianzar a cobertura no 96% do territorio, sendo o obxectivo a medio ou longo prazo o de acadar o 98%, cousa para a que sería precisa, subliñou, un investimento de 7 millóns de euros, o que faría necesaria a participación do Goberno central e dos concellos.
Otero quixo subliñar que detrás destes novos traballos de reforzamento da TDT no noso territorio, achegando tecnoloxía e recursos, atópanse profesionais e empresas galegos.


Declaracións do secretario xeral de Medios esta mañá

PUBLICIDADE