A confluencia galega entre tecnoloxías e motor conta dende xa cunha nova incubadora

venres, 29 de novembro do 2019 Redacción

A Xunta e o Consorcio Zona Franca de Vigo veñen de pór en marcha unha nova plataforma de impulso empresarial de alta tecnoloxía. A iniciativa conxunta, que iniciou hoxe a súa andaina (a primeira convocatoria), coñécese como High Tech Auto (HTA) e consiste nunha incubadora para o sector do motor que servirá de complemento ao Business Factory Auto (BFAuto) na creación e impulso de iniciativas innovadoras da confluencia entre novas ferramentas e automoción.
A nova aceleradora apoiará proxectos e validará ideas e tecnoloxías que dean lugar a modelos de negocio innovadores. O obxectivo último da HTA é, en palabras das entidades responsábeis, “completar o ecosistema de innovación do sector do motor e dos seus compoñentes en Galicia, integrado por emprendedores, empresas, o sistema de coñecemento e I+D+i, as administracións públicas e as entidades financeiras, así como favorecer a transferencia de tecnoloxía do ámbito académico e tecnolóxico ao tecido empresarial e avanzar cara a consolidación da Industria 4.0”.
Este novo foco de emprendemento especializado manterá aberta a súa primeira convocatoria ata o 14 de febreiro de 2020 e integrará entre os seus obxectivos e metodoloxías de traballo procesos que permitan orientar as iniciativas incubadas cara á BFAuto, tamén promovida polo Goberno galego. Ambas as dúas aceleradoras guiaranas de forma conxunta desde a fase semente ata que saian ao mercado e se consoliden.
Cuarta edición da BFAuto
Segundo fai saber a Consellería de Economía, a iniciativa súmase ás aceleradoras sectoriais coas que Galicia conta noutros sectores produtivos, impulsadas tamén polo departamento que dirixe Francisco Conde ao abeiro da Axenda 4.0, como a aeronáutica (BFAero), o agroalimentario (BFFood), a biotecnoloxía (Bioincubatech) ou Agrobiotech (centrada no agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa). Estas iniciativas intégranse en StartIN Galicia, a plataforma que aglutina aceleradoras e espazos de traballo colaborativo (coworking) cos que se está apoiando o desenvolvemento de 1000 proxectos emprendedores.

PUBLICIDADE