A conferencia galega sobre comercio electrónico abre as súas portas en Compostela
xoves, 19 de abril do 2012
- Presentación do evento no Concello de Santiago, celebrada a finais do mes de marzo
Procurar xeitos e métodos diversos para amosar
a potencialidade das actividades empresariais ligadas ás novas tecnoloxías e
tirar proveito delas, facendo especial fincapé no mercado dixital, é o gran
obxectivo da Conferencia de Comercio Electrónico CONECOM, que se celebra este hoxes 19 de
abril en Santiago da man de DobleClic.
A xuntanza, debullada nos días previos ao
evento polo seu principal promotor, Xosé Rivera (quen nos lembrou
outro dos grandes obxectivos: acabar dunha vez coas eivas galegas en materia de
ecommerce), desenvólvese no Pazo de
Congresos de Compostela, co apoio do Concello, a Cámara de Comercio e máis a
Xunta de Galicia.
CONECOM, case con toda probabilidade a
primeira conferencia específica sobre comercio dixital que abrolla da nosa
terra, apóiase nunha serie de piares a ter en conta: a difusión das vantaxes de
facermos mercado nas novas canles, a reflexión sobre como estas poden
fortalecer a nosa competitividade, o aproveitamento do galego como distintivo e
vantaxe comunicativa (cómpre pensar nas posibilidades de comunicación que nos
abre con Brasil, hoxe en día unha das primeiras potenciais mundiais), e máis a
busca da meirande participación posíbel, a nivel innovador, de tódolos nosos
sectores.
O evento conta coa presenza do devandito Xosé
Rivera, deseñador dixital con experiencia en empresas como Fynet, Simplifica ou
DobleClic (que arestora coordina); Álvaro Gómez, programador con traxectoria en
importantes proxectos galegos como Acordar, Vieiros, Simplifica ou A Navalla
Suíza; Manuel Pan, responsábel de Abertal e de múltiples iniciativas galegas de
consultoría TIC, turismo e comercialización na Rede; Fran Suárez, enxeñeiro
técnico en Informática e xefe de Proxectos de Pululart; e Luís Míguez, un dos
nosos profesionais máis experimentados nas vantaxes do comercio electrónico e
impulsor de proxectos como www.24joyas.com e www.12horas.es.