A comunidade do Portal das Palabras elixe Nós como palabra do ano 2020

luns, 28 de decembro do 2020 S. P.

Como cada ano, o termo galego elixido pola comunidade de usuarias e usuarios do Portal das Palabras (impulsado pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié) é un termo especialmente significativo dos acontecementos inmediatamente previos, ou sexa, das cousas que nos pasaron ao longo dos doce meses do ano e das conclusións que se extraen desas cousas acontecidas. Este ano elixiuse unha palabra que nos lembra a importancia de estarmos unidas e unidos, e non sentirnos sós, ante calquera tipo de adversidade. Estamos a falar de Nós, que é foi elixida Palabra do Ano 2020 e que é, para a comunidade internauta, un dos mellores antídotos que pode haber fronte a crises como a da COVID-19.
A elección levouse a cabo o pasado 25 de decembro. En palabras da RAG, “a voz gañadora salienta algo bo dun ano ben complicado, a celebración do centenario da xeración Nós, e olla cara ao futuro con optimismo porque nos lembra tamén que saírmos da crise global provocada polo SARS-CoV-2 depende da primeira persoa do plural máis absoluta, xusto nun momento en que cobra forza outra das palabras finalistas cuxo éxito dependerá da implicación de todas e todos nós: vacina”.
Seteiro, en referencia ao grupo de estrelas denominado tamén arqueiro (Sagittarius na forma latina), foi a segunda palabra máis votada tras resultar unha das seis finalistas pouco despois de que o Seminario de Terminoloxía da Real Academia Galega aprobase a listaxe normalizada dos nomes galegos das constelacións. “A escolla”, engadiu a academia, “pode verse como un xeito de reivindicar o coñecemento, e a valoración, do ceo e dos seus nomes; mais tamén ten algo, outra vez, de evasión colectiva nun ano en que a COVID-19 disparou o emprego de certos termos e mesmo requiriu incorporar novas palabras e acepcións ao dicionario, entre elas o da propia enfermidade ou coronavirus”.
Os outros catro termos finalistas teñen unha relación moito máis directa coa pandemia e as súas consecuencias: gromo, na acepción que incorporou o dicionario da RAG neste 2020, a referida á aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar, acadou o terceiro posto; pandemia foi a cuarta palabra máis votada; máscara, a protección que deu o salto dos quirófanos á rúa, ocupa o quinto posto; e vacina, a grande esperanza que fixo máis levadío este annus horribilis e que comezou a subministrarse onte mesmo en Galicia, fica no sexto.
Os votos estiveron máis repartidos ca noutras ocasións. Nós acadou case 3 de cada 10 votos emitidos; seteiro rozou o 20%; gromo fíxose con pouco máis do 17%; pandemia chegou ao 15%; e máscara e vacina sumaron, cada unha delas, pouco máis do 10% dos votos.

PUBLICIDADE