A comunidade de innovadores rurais da nosa terra terá web de seu a comezos de ano
xoves, 24 de decembro do 2015
A Universidade
de Santiago vén de dar azos dende o Campus de Lugo á creación da
Rede de Asesoramento e Innovación Rural en Galicia (RAIR), en
palabras da USC “a primeira das súas características da nosa
terra”. A iniciativa xorde co obxectivo de xuntar asesores rurais,
agricultores e PEME rurais, pero tamén outros actores do Sistema de
Coñecemento e Innovación Agraria (coñecido como AKIS no plano
internacional), tales como o son o persoal da administración e
centros de investigación agraria, educadores e formadores,
subministradores de inputs agrarios e técnicos e consultores
do medio rural, entre outros. O foro de discusión dos impulsores da
RAIR será unha páxina web que estará dispoñíbel a mediados do
mes vindeiro. O sitio fornecerá ferramentas liña para crear
comunidade e fortalecela.
A RAIR, nun plano máis
amplo, pretende ser un foro para realizar propostas que permitan
“promover a figura do asesor como motor de innovación no
desenvolvemento rural, acadar unha comunicación fluída e
bidireccional coa administración responsábel de implementar as
medidas de asesoramento, e mellorar a calidade do servizo de
asesoramento”, sinalaron os seus responsábeis dende o Campus de
Lugo, facendo fincapé “no axeitado da súa posta en marcha”,
pois o Regulamento Europeo 1305/2013 obriga aos estados membros a
establecer un sistema de asesoramento ás explotacións agrarias e
PEME rurais e a promover a formación de asesores.
Na cita en Lugo acordouse
que o foro principal de discusión será a futura páxina web propia
da rede, que se atopa en fase de construción. Custeada pola rede
IGSEA, esta nova xanela virtual ficará dispoñíbel, como dixemos, a
mediados de xaneiro de 2016. A web disporá de aplicacións en liña
que permitirán inscribir novos membros, realizar suxestións e
propostas, promover iniciativas, subir novas de actualidade, etc.
Crearanse ademais áreas persoais dos membros da rede, e áreas
reservadas ás entidades colaboradoras e interesadas en participar
nas actividades a RAIR.