A comunidade da UDC xa pode participar nos sorteos de Reto30diasenbici.com

luns, 1 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Ir en bici e usar as novas tecnoloxías para rexistrar os nosos desprazamentos sobre dúas rodas, van ter premio nos campus da Coruña. Así o deu a coñecer a semana pasada a Oficina de Medio Ambiente da UDC, que se vén de sumar ao Reto 30 días en bici por unha mobilidade sustentábel. O obxectivo é convidar á comunidade a apostar por este tipo de transporte limpo e saudábel, ao tempo que se tira proveito das posibilidades que dan os móbiles para que esa aposta tamén se saiba e mesmo obteña recoñecemento. Quen queira comezar a facer quilómetros pode facelo a través de www.reto30diasenbici.com, no que se pode facer o rexistro.
Máis en concreto, a iniciativa é unha campaña de promoción do uso da bicicleta na que hai que ir sumando os quilómetros que se realizan ao longo do mes de abril. Os usuarios que acumulen polo menos 30 quilómetros nese mes participarán nun sorteo de agasallos (gorras, publicacións, complementos para a bicicleta, mochilas, luces, timbres, cestas, ponchos, termos, etc).
Na devandita web aparecen as universidades e empresas colaboradoras e tamén serve de acubillo a diversas clasificacións de usuarias e usuarios polo número de quilómetros percorridos.
Para quen non o saiba, 30 Días en bicicleta é unha campaña global que se desenvolve cada mes de abril desde 2014. A iniciativa sustentábel acompáñase da ferramenta Ciclogreen, que é unha plataforma online (con versións para móbiles e para web) que transforma en agasallos os nosos quilómetros en bicicleta. Para darlle uso debemos descargar a app de Ciclogreen na devandita ligazón https://www.reto30diasenbici.com/. Neste intre xa están contabilizados máis de 12.000 participantes.

PUBLICIDADE