A comunidade Redelibros celebra este venres os seus dous anos de actividade

martes, 6 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

A rede social galega do libro, Redelibros, está estes días de celebración. Máis polo miúdo, os seus impulsores, membros e usuarios atópanse festexando os dous anos da comunidade galega, cousa que ten especial mérito se temos en conta o enleado e complexo que resulta manter iniciativas 2.0 no tempo, de xeito paralelo ás grandes redes sociais de usuarios internacionais e, amais de todo isto, acerca dunha cuestión que non adoita a convocar multitudes: a literatura. Para celebrar este dous anos de vida, e máis que virán, celébrase unha festa este día 9 de novembro, venres, na Libraría Cartabón de Vigo. A cita é a partir das 20.30 horas.
Lembrar que, a maiores, a rede vén de presentar o seu catálogo de obras para esta tempada de outono, unha escolma dispoñíbel para ver en liña ou para descargar (PDF) e que pon de manifesto a boa marcha da comunidade, que arestora conta xa con dous anos de experiencia e dando acubillo a novas experiencias como a aplicación da técnica do crowdfounding para a publicación de novas obras ou a convocatoria de premios a relatos.

PUBLICIDADE