A compostelá Casa do Cabido acolle unha exposición fotográfica en 3D de Enrique Criado

martes, 27 de setembro do 2016 Redacción

Na mañá de hoxe tiña lugar a presentación dunha exposición de instantáneas en 3D sobre a cidade de Santiago de Compostela, o título da mostra é Compostela, a Terceira Dimensión, o seu autor é Enrique Criado. A mostra, promovida polo Consorcio de Santiago, está exposta na Casa do Cabido (praza das Praterías), onde tiña lugar a presentación hoxe, á cal asistiron: amais do autor coruñés, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade, Martiño Noriega; a xerente do Consorcio, Belén Hernández e o coordinador da exposición, Juan Conde. Volvendo ás fotografías, esta mostra reúne un total de 35 imaxes representativas do casco histórico compostelán, en particular da catedral e da súa contorna.
Os que visiten a exposición atoparán fotografías nocturnas, dos peregrinos, das prazas, rúas e lugares máis senlleiros… que foron rexistradas polo autor mediante distintos tipos de cámaras fotográficas en 3D en diferentes épocas ao longo dun período de 16 anos. Todas elas forman parte da súa colección persoal.
“A finalidade é converter ao espectador nunha testemuña virtual, de xeito que perciba, en primeira persoa, eses fragmentos de realidade que unha imaxe convencional ou en dúas dimensións non pode transmitir” -indica Enrique Criado-. Para a visualización destas fotografías empréganse lentes con filtro de cor, con elas poderanse percibir as distancias, o volume e os tamaños dos obxectos. Isto é posíbel grazas a un fenómeno chamado estereopsis, que consiste nunha interpretación que fai o noso cerebro das diferenzas entre as imaxes captadas polos dous ollos. Estas diferenzas entre os ollos débense á distancia que existe entre os mesmos (duns 65 milímetros) que neste proceso de estereopsis se converte no factor máis importante da percepción de profundidade”.
Achegándonos un pouco á figura de Enrique Criado, cómpre dicir que estamos perante un estereógrafo que leva máis de dúas décadas traballando en diferentes ámbitos da produción audiovisual. Entre os seus traballos, salientamos a supervisión 3D nas Olimpíadas de Londres 2012, asesoramento a LucasFilm na proxección do filme A Guerra das Galaxias en 3D... Asemade, recibiu diversos premios internacionais neste eido, impartiu conferencias nos eventos internacionais máis prestixiosos do sector (Ámsterdam, París, Sidney… e até nos Estados Unidos para a Asociación de Directores de Hollywood), amais de ser membro do xurado en recoñecidos certames.
A exposición Compostela, a Terceira Dimensión permanecerá na Casa do Cabido até finais de novembro. Poderá visitarse no horario habitual, de martes a sábado de 10 a 14 horas e de 17 a 21 horas; e os domingos de 11 a 14 horas. Os luns está pechada ao público. En novembro comeza o seu horario de inverno, que polas tardes pasa a ser de 16 a 20 horas.
Engadir que, como apuntou o alcalde de Compostela, esta mostra resulta especialmente axeitada para os centros educativos. Os colexios que estean interesados en visitala deberán poñerse en contacto coa Casa do Cabido no teléfono 981 576 661.

PUBLICIDADE