A competitividade pola vía tecnolóxica, a exame este xoves en GaliciaTIC 2009

martes, 6 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

A competitividade, tal e como a entendemos dende o punto de vista empresarial, pasa hoxe por practicamente unha única canle: a canle dixital. Disto a propoñer as novas tecnoloxías da información como ferramentas potencialmente eficaces para superar a crise económica e produtiva non hai máis que un paso, e case con toda seguridade non se trata de un paso en falso. A cuestión é: somos plenamente conscientes disto, tanto dentro como fóra do sector? Para a organización da xuntanza GaliciaTIC non hai dúbida posible sobre este principio activo das ferramentas dixitais, de aí que sexa preciso poñer en marcha, cada pouco tempo, actividades que promovan esa mensaxe.
Actividades como a propia GaliciaTIC, que se celebra este 8 de outubro no Centro Social Caixanova de Vigo e que chega á súa sétima edición “reunindo anualmente en Galicia ao mundo profesional e á empresa do sector das novas tecnoloxías da información”. A idea, máis que nunca nesta convocatoria, vai ser afondar no reto da competitividade. En palabras de Miguel Merino, director do evento, “trátase se achegar dende o tecnolóxico as claves precisas para xestión do rendemento corporativo”.
Todo isto aplicado a través dun máis que completo programa de conferencias e paneis temáticos nos que se darán a coñecer novos conceptos, ferramentas e casos de éxito no devandito eido.
GaliciaTIC 2009 (que arranca ás 9.00 h) contará coa presenza activa da Xunta de Galicia, dando apoio á propia xornada e tamén contido temático, ao estar programada a visita de técnicos da entidade pública como Benigno Rosón, subdirector de TICs da Conselleria de Sanidade, quen falará sobre a xestión do rendemento no Servizo Galego de Saúde. Asemade, o evento tamén contará coa participación (entre outros) de María del Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización da Xunta, Jorge Cebreiros (presidente de Ineo), François Cadillon (director da división de negocio de SAP Iberia),Christoph Papenfuss (director do centro Cognos de IBM) ou Thomas Oestreich (director de estratexia EPM de Oracle).

PUBLICIDADE