A colaboración entre a Deputación de Lugo e a Fundación Novoneyra, referente europeo en innovación cultural

mércores, 12 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo e a Fundación Uxío Novoneyra veñen de facer balance da súa frutífera relación, unha colaboración da que xurdiron iniciativas e eventos tan salientábeis como o impulso ao Proxecto SILO (unha plataforma destinada a facer avanzar a integración social de colectivos en risco a través dunha fórmula á que non se lle extraeu todo o potencial que leva dentro: a das literaturas europeas, incluída a galega) ou o curso sobre os novos vieiros da edición do que falamos recentemente en Código Cero. Hoxe, a deputada de Cultura Pilar García Porto informou que a dita colaboración fixo que a Fundación Uxío Novoneyra converteseuse na entidade cultural que máis proxectos europeos desenvolve en Galicia.
Fíxoo nun encontro co xerente da fundación, Uxío Novo Rey, no que deron conta das actividades que dita asociación desenvolveu durante este ano, financiadas con 20.000 euros da Deputación, e nas que participaron de xeito gratuíto unhas 1.500 persoas.
García Porto explicou que “grazas a esta colaboración da Deputación, a Fundación puido desenvolver durante o 2018 ducias de actividades de carácter cultural coas que dinamizar a nosa provincia”. Segundo engadiu, ao abeiro das mesmas puidéronse levar a cabo obras de mantemento e mellora na casa-museo do poeta, amais de impulsar proxectos de innovación cultural como o proxecto Creative Europe SILO (Operacións Literarias Socialmente Inclusivas), que conta con financiamento europeo e que, como dixemos máis arriba, é un programa de tres anos para levar a literatura a pequenos núcleos rurais da provincia, e outros colectivos vulnerábeis. García Porto, no seu balance, tamén recordou a cuarta edición do Festival dos Eidos, en Folgoso do Courel, “unha iniciativa de ocio pero tamén formativa, que dinamiza a vida cultural da comarca, cunha filosofía moi concreta sobre ensino permanente a través da literatura”.
Novo Rey, que agradeceu a “constante colaboración do Goberno da Deputación coa fundación”, puxo como exemplo o “éxito do Festival dos Eidos”, no que participaron ao redor dun milleiro de persoas.
Outras iniciativas
No marco das colaboracións entre a Fundación Uxío Novoneyra e a Deputación, realizáronse outras actividades. Entre elas, destacan o devandito curso de edición de novas tendencias literarias que se celebrou entre abril e maio de 2018 no Obradoiro do Libro do CENTRAD, e que contou con escritores e editores galegos, co que os 20 participantes recibiron formación técnica e tecnolóxica e realizaron unha antoloxía de nova poesía luguesa, así como unha mostra expositiva da evolución dos soportes-libro.
Tamén se realizaron traballos para o desenvolvemento do Arquivo Novoneyra, co fin de adaptalo ao programa PARES do Ministerio de Cultura, sendo, en palabras das dúas entidades lucenses, o único arquivo galego (e o único dun escritor) que o conseguen.
Programas para 2019
En 2019, a Fundación Uxío Novoneyra, en colaboración coa Deputación, desenvolverá outros dous proxectos europeos: O Erasmus+ KA2, un programa de capacitación de mozas e mozos rurais para a súa formación como guías turísticos do seu patrimonio inmaterial en países europeos, en Vietnam e no Brasil; e o Le Flocon Build, que formará aos asistentes na rehabilitación do patrimonio rural coa técnica da pedra seca, recentemente declarada Patrimonio Inmaterial da Humanidade. No ámbito da literatura, continuaranse os traballos de tradución ao francés do ensaio Os Soños Teimosos de Novoneyra e que xa se presentou na súa edición inglesa no festival Winter Warmer de Cork.

PUBLICIDADE