A cobertura galega de banda larga de 100 Mbps é do 59,15%

venres, 4 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Galicia tiña en 2017 unha cobertura de banda larga (100 Mbps) do 59,15%, fronte ao 57,97 de porcentaxe acadado en 2016 e fronte á media estatal do 76.09% do territorio abranguido. Estas cifras, moi mellorábeis, veñen de ser achegadas polo Ministerio de Industria, Turismo e Axenda Dixital (no seu informe Cobertura de Banda Larga en España, correspondente a 2017) e confirman que a nosa terra segue na cola da clasificación en materia de dispoñibilidade de redes no seu territorio, só por diante de Estremadura e Castela A Mancha.
A nivel estatal, o informe reflicte un aumento de seis puntos porcentuais na cobertura de banda larga de 100 Mbps respecto da mesma data do ano anterior, que alcanza (como dixemos) xa ao 76% dos españois.
O informe sinala tamén que a cobertura de 4G alcanzou ao 97,2% da poboación, mentres que se ampliou o acceso a 3,5G até acadar unha porcentaxe do 99,9%. No lado positivo, houbo crecementos de máis de 10 puntos na dispoñibilidade de redes de 100 Mbps nas Comunidades Autónomas de Andalucía, Castela-A Mancha, Aragón e Estremadura. Tamén se confirma o bo estado de saúde da rede de fibra óptica até o fogar (FTTH), que se sitúa “como a máis extensa de Europa” con máis de 35 millóns de accesos. O informe reflicte que o devandito despregue foi realizado sobre todo grazas ao esforzo investidor dos operadores privados, que optaron por despregar as súas propias redes de nova xeración.

PUBLICIDADE