A cifra de persoas que empregan a Internet acotío increméntase nun 10,8% no Estado

mércores, 25 de febreiro do 2015 Redacción

No ámbito estatal o número de persoas de entre 16 e 74 anos que se conectan á Rede acotío é de 20,6 millóns. Esta cifra, corresponde ao ano que vimos de deixar atrás, supón unha suba do 10,8% en relación ao acadado a 2013 e, en palabras do Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI), “certifica unha maior penetración das Tecnoloxías da Información e a Comunicación”. Son datos incluídos no informe Perfil Sociodemográfico dos Internautas (2014), feito polo devandito observatorio. Na investigación tamén se indica que 29,5 millóns de persoas de 10 ou máis anos utilizaron Internet nalgunha ocasión, cifra que representa un incremento do 2% respecto ao ano anterior.
O informe, feito sobre unha base de 15.574 vivendas, certifica nun plano sociodemográfico que o 98,5% dos individuos de 16 a 24 anos accederon a Internet nalgunha ocasión. Os estudantes, sinálase, presentan niveis de uso practicamente universais, xa que o 99,1% deles accedeu algunha vez á Rede.
Ao fío dos ingresos das familias e a súa relación coa Rede, a investigación expón que o 95,5% dos individuos cunha renda neta por fogar superior aos 3.000 euros mensuais accede semanalmente a Internet, mentres que esta porcentaxe redúcese ao 49,5% nas familias cun ingreso medio inferior a 900 euros.
Nas cidades de máis de 500.000 habitantes a porcentaxe de internautas que accede cada semana á Rede é do 78,8%, pero redúcese ao 64,1% en concellos de menos de 10.000 habitantes.
Respecto ao uso que fan de Internet os usuarios que se conectan acotío, o estudo conclúe que o 90,5% envía ou recibe correo electrónico, o 90% busca información sobre bens e servizos, o 83,7% le noticias e prensa en liña, o 74,4% participa en redes sociais e o 36,3% telefona ou realiza vídeo chamadas a través de Internet.
A maiores, o 58,3% xoga ou descarga xogos, películas ou música; o 52,6% pendura contidos propios para compartir; o 42% escoita radio emitida por Internet; o 31,3% xoga en rede con outras persoas, e o 12,5% crea páxinas web ou blogs.

PUBLICIDADE