A científica Ada Yonath, Nobel de Química en 2009, visita ConCiencia

xoves, 21 de outubro do 2010 Raquel Noya

O programa ConCiencia da USC, que cada ano trae a Santiago de Compostela ás personalidades máis destacadas da comunidade científica de todo o mundo para mostrarlle aos alumnos e alumnas as faces de moitos dos seus ídolos científicos, segue a consolidar o seu prestixio (labrado con moito traballo e dedicación ao longo de cinco anos), e seguindo a liña de traer a persoas premiadas co Nobel en distintas disciplinas, vén de confirmar a visita da científica israelita Ada Yonath, Nobel de Química en 2009.
Yonath achegarase á capital galega a vindeira semana para dar, o vindeiro luns 25 de outubro, un relatorio aberto a toda a cidadanía.
O acto terá lugar ás 20:00 horas no Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia, e levará por título: O ribosoma: unha máquina de ARN que sobreviviu á presión da evolución, pero está paralizada polos antibióticos.
Esta científica, nacida en Xerusalén en 1939, acadou o Premio Nobel de Química en 2009, xunto con Venkatraman Ramakrishnan e Thomas A. Steitz polos seus estudos da estrutura e función do ribosoma. En 108 anos de historia do Premio, o de Química só recaera en tres mulleres: Madame Curie, a súa filla e a británica Dorothy Crowfoot-Hodgkin, esta última en 1964.
O traballo de Ada Yonath versa sobre os procesos que rexen na clave da vida, como é a tradución feita polos ribosomas da información do ADN. Os ribosomas producen proteínas, que controlan a química de todos os seres vivos, e posto que son cruciais para a vida, son tamén un obxectivo clave para os novos antibióticos.

PUBLICIDADE