A cidadanía terá que asumir o proceso de reaxustar as antenas para poder recibir a TDT

martes, 4 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

Boa parte dos fogares españoles van ter que facer modificacións nas antenas de Televisión Dixital Terrestre (TDT) para seguir recibindo o sinal no futuro, tendo que asumir os consumidores o custo da nova antenización, aplicábel a arredor de un millón de antenas. Así o confirmou este luns en Santander, na sede da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), o ministro de Industria, José Manuel Soria, quen falou da recolocación das frecuencias da TDT, das consecuencias que isto vai ter na cidadanía e e do custo global que achegará este proceso: uns 300 millóns de euros.
Este reaxuste forma parte do novo plan de dividendo dixital que vai permitir, entre outras cousas, que as operadoras empreguen parte do espectro radioeléctrico para achegar recursos e servizos innovadores, incluídos os vinculados á tecnoloxía 4G, a partir de 2014. A cuestión é que para posibilitar a entrada en xogo das operadoras, débese mudar o espectro para que as televisións o compartan. Polo tanto, en liñas xerais, cómpre cambiar as canles e modificar as antenas. Segundo apuntou Soria, malia que a cifra prevista para levar a cabo as modificacións das canles de TV poda resultar alta, 300 millóns de euros, é pequena se a comparamos cos 900 millóns previstos nun comezo. Esta baixada foi posíbel grazas a un convenio asinado coa Unión de Televisións Comerciais para pasar de seis a cinco a cifra de múltiples ligados aos operadores. Con todo, quedan 300 millóns para reaxustar un millón de antenas de televisións que deberán ser asumidos polos cidadáns, feito que xa provocou o rexeitamento de entidades como a Agrupación de Usuarios da Televisión (AUC).

PUBLICIDADE