A cidadanía poderá enriquecer a aplicación interactiva Lugo na memoria

mércores, 31 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Lugo quere ampliar a dinámica da participación cidadá á creación dos recursos tecnolóxicos municipais. Isto será extensíbel ao enriquecemento da aplicación interactiva destinada a poñer en valor o patrimonio da cidade, da que falamos os días pasados para salientar que se trata dunha completa ferramenta, con máis de 1.400 elementos de información, que permitirá aos usuarios percorrer a trama urbanística da cidade e a súa evolución desde a época medieval á moderna. E todo isto través do extenso fondo documental fotográfico municipal. Pois ben, agora o Concello vén de anunciar que aplicación abrirase á colaboración da cidadanía.
Deuno a coñecer a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, durante a entrega dos diplomas e certificados aos alumnos-traballadores do obradoiro de emprego InteracTICvate que se impartiu no CEI Nodus co fin de impulsar a cualificación profesional e a inserción laboral dos seus participantes, e do que abrollou, precisamente, a aplicación Lugo na memoria, destinada a mostrar de xeito atractivo e dinámico “a enorme riqueza patrimonial e cultural do concello”, en palabras da alcaldesa, que tamén deu a coñecer que a ferramenta estará dispoñíbel na web do Concello a partir deste mesmo venres 2 de agosto. Tamén dixo que na mesma plataforma o Goberno local habilitará unha ligazón para que todo aquel que queira aportar material gráfico ou información para o enriquecemento desta aplicación e dar a coñecer o patrimonio de Lugo dende diferentes enfoques.
Lara Méndez, estivo acompañada polo concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, e aproveitou para agradecer á Xunta de Galicia as axudas para que este obradoiro se puidera realizar: “As políticas de emprego non son competencia do Concello de Lugo pero si é un tema que nos preocupa”, insistiu.
Rematou anunciando que Desenvolvemento Local ten concedido xa un novo obradoiro para dixitalización, destinado a axudar á empregabilidade de menores de 25 anos, e que está a espera de que se confirme outro para maiores de 25 nos vindeiros días.
Lugo na memoria
A aplicación Lugo na memoria abrangue tres itinerarios: o do trazado do Camiño Primitivo (desde a Porta de San Pedro á Porta de Santiago); outro que parte de Obispo Aguirre e sae por San Fernando, e o terceiro que recolle a ampliación urbanística do século XIX (Progreso, Estación).
A aplicación, artellada cun formato de fotografías panorámicas e en 3D e que mesturan imaxes reais e históricas, inclúe un mapa que permite ao usuario unha maior interacción para que poida desprazarse ao punto que desexe, realizando paradas en puntos de información onde se explican 360 espazos e edificios emblemáticos elixidos na cidade.

PUBLICIDADE