A cidadanía da Coruña xa pode votar en liña por 111 propostas participativas

venres, 31 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello da Coruña vén de pór en marcha (até o 17 de setembro) a fase de votación en liña dos seus orzamentos participativos. Neste proceso de implicación cidadá, as veciñas e os veciños poderán escoller as propostas que se incluirán nos orzamentos do vindeiro ano, dun total de 111. Estes e outros datos foron dados a coñecer pola concelleira Claudia Delso, quen sinalou que das 111 que superaron a fase de avaliación técnica, 44 propostas son de cidade e 67 correspóndense a proxectos de distrito. Tamén sinalou que hai unha parte significativa de proxectos para desenvolver e aplicar aplicacións informáticas. O programa inclúe unha contía de 3 millóns de euros.
A edil, na súa presentación, fixo un novo chamamento á cidadanía para tomar parte activa neste procedemento, lembrando tamén que poderán votar nesta fase todas aquelas persoas que se teñan dado de alta na plataforma aportaaberta.coruna.es, así como todas aquelas que o fagan durante este período de tempo.
Amais, Delso fixo fincapé “no especial éxito de participación que está a acumular esta xa terceira edición dos orzamentos participativos”. Segundo fixo saber, este ano a cidadanía presentou “nada máis e nada menos que 909 propostas”, das que foron seleccionadas (tras unha análise inicial) 189. Logo do estudo técnico, determinouse a viabilidade das devanditas 111.
A edil tamén quixo facer fincapé no potencial das ditas contribucións para “reflectir as inquedanzas da cidadanía”, que, por outra banda, están moi en consonancia coa “maneira de entender a cidade que ten o Concello”. Segundo fixo saber, das 189 propostas avaliadas, 115 pertencen á area de espazo público, mobilidade e rexeneración urbana (construción de parques infantís, carril bici, arranxo de rúas e beirarrúas, propostas de peonalización); así como 44 á área de medio ambiente (incluíndo temas como arborado, zonas verdes, parques, contedores de reciclaxe ou sendas peonís) e 10 á área de deportes, para a construción de equipamento deportivo. “O resto de propostas tiñan que ver con aplicacións informáticas e actuacións en centros educativos, cívicos ou veciñais”, dixo.
A concelleira recordou que en todo o tempo de duración da fase de avaliación os veciños e as veciñas que estean xa ou se dean de alta no devandito portal tecnolóxico poderán votar polas súas propostas favoritas. Porén, para facilitar a participación (e do mesmo xeito que en anteriores fases) habilitaranse espazos de apoio e axuda á votación en toda a rede de bibliotecas municipais, os centros cívicos, o CMIX e a sede da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e área metropolitana. Ademais, o servizo de atención cidadá 010 continuará atendendo consultas sobre o proceso de rexistro na plataforma municipal de A Porta Aberta.
Do mesmo xeito, levaranse a cabo dous eventos de rúa para informar á cidadanía e apoiar no proceso de votación. Os mesmos terán lugar o sábado 8 de setembro no Obelisco e o sábado 15 na praza de Lugo, en horario de 16.30 a 21.00 horas.
Amais, e coa finalidade de que as persoas participantes poidan dar a coñecer as súas propostas máis polo miúdo, a Concellería de Participación porá a disposición dos e das promotoras destas iniciativas dúas xornadas para gravar microvídeos que se difundirán a través das redes deste departamento. As gravacións faranse o 3 de setembro na Biblioteca Municipal do Castrillón e o día 4 na Fundación Luís Seoane, en horario de 16.30 a 20.00 horas. Ademais, calquera persoa que así o desexe e non poida participar nestas xornadas, poderá enviar un vídeo semellante ao correo presupostos.participativos@coruna.es.

PUBLICIDADE