A ciberseguridade na saúde centra un foro estatal que se celebra até mañá na USC

mércores, 5 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

Hoxe e mañá celébrase na Universidade de Santiago, na aula magna do Edificio Roberto Novoa Santos, a edición dezasete do Foro de Seguridade e Protección de Datos de Saúde, organizado pola Sociedade Española de Informática da Saúde (SEIS) para emprazar os profesionais do sector sanitario (médicos, persoal de enfermaría, farmacéuticos, investigadores, estudantes profesionais das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, xestores, directivos, etc.) e do ámbito da ciberseguridade e que compartan experiencias, achados e coñecemento. O obxectivo último é sentar as bases de futuras colaboracións a prol dun “emprego máis seguro das TIC que contribúa a xerar unha atención sanitaria de meirande calidade”.
Estes son os grandes desafíos do devandito foro, que chega á 17 edición e que se celebra por vez primeira na Universidade de Santiago de Compostela. O fío temático específico desta convocatoria será o impacto da innovación tecnolóxica na información da saúde desde o punto de vista da seguridade da información e a protección de datos de carácter persoal.
A primeira das sesións previstas, a única sesión deseñada como mesa redonda, estará dedicada á presentación de solucións de seguridade ante o tratamento de datos de saúde. A segunda sesión centrarase nas autoridades de protección de datos autonómicas.
Como en anteriores edicións, a segunda xornada do foro comezará coa sesión Casos prácticos: a experiencia das autoridades de protección de datos, na que se presentarán os casos reais e as iniciativas máis relevantes relativas á ciberseguridade no ámbito da saúde.
Entre os participantes do evento, achegando o punto de vista da nosa terra, atópase Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, unha das entidades que máis traballan a día de hoxe por acadar unha contorna online máis confiábel, protexida e respectuosa cos seus usuarios (tal e como quedou manifesto co recente galardón entregado pola AEPD).

PUBLICIDADE