A capitalidade cultural de Lugo no Eixo Atlántico conta con nova web

luns, 20 de febreiro do 2023 S. P.

Lugo, Capital da Cultura do Eixo Atlántico, estrea nova web. Podemos vela en lugocapitaldacultura.com, un sitio en liña a través do cal a cidadanía poderá atopar información actualizada sobre as actividades e eventos que acollerá o municipio, de febreiro a novembro, con motivo desta cita transfronteiriza. Na web figuran detalladas máis de 30 programas diferentes durante este 2023 e máis dun centenar de actividades referenciais de todas as disciplinas culturais e artísticas. A páxina tamén acubilla actividades de nova creación, xunto con outras xa consolidadas na cidade como o Arde Lvcvs, o San Froilán ou o Caudal Fest.
Nesta páxina tamén se atopa dispoñíbel información sobre os grandes eventos que se celebran na cidade; os seus tres Patrimonios da Humanidade; os museos e centros culturais de Lugo; así como información sobre outros lugares de interese no municipio e diferentes rutas de sendeirismo.
O Concello de Lugo engadiu que o Auditorio Gustavo Freire acollerá o vindeiro xoves 23 de febreiro, a partir das 19:30 horas, o evento inaugural da sétima edición da Capital da Cultura do Eixo Atlántico (collendo a cidade da Muralla o relevo de Braga) cos concertos do lucense Abraham Cupeiro e a Orquestra Filarmónica de Braga.
A programación desenvolverase até novembro e contempla non só as distintas disciplinas artísticas senón tamén unha ampla variedade de eventos, dende mostras de teatro, cine a concertos, festivais de arte urbanoss e exposicións, así como actividades infantís e certames gastronómicos. Tamén incluirá actividades xa consolidadas na cidade como o Arde Lvcvs Cultural, o Festival Internacional de Jazz ou o Caudal Fest.

PUBLICIDADE