A canle en YouTube dun profesor do IES Concepción Arenal de Ferrol acumula máis de 3 millóns de reproducións

martes, 21 de xaneiro do 2014 Redacción

A canle en YouTube do profesor Manuel González, mestre no IES Concepción Arenal de Ferrol, xa suma máis de tres millóns de visualizacións e 3.000 subscritores. A canle en cuestión chámase Cliphistoria e ten a súa orixe nunha iniciativa do propio docente que se baseou na creación de pezas audiovisuais para apoiar as clases de historia impartidas por el mesmo no dito centro, pezas que logo foron penduradas en YouTube, e sen imaxinar sequera, nos comezos, que acabarían rexistrando tal número de reproducións. Trátase, en palabras do profesor, dunha “canle de recursos audiovisuais para o ensino da Historia de España a través de clips de filmes e ao tempo unha reivindicación do cinema español e latinoamericano”.
O acubillo audiovisual leva en activo dende 2012. Entre os seareiros non só están estudantes, senón tamén investigadores, colegas de profesión de ámbalas beiras do Atlántico e internautas en xeral afeccionados ás pescudas do pasado. En total, o responsábel desta canle avaliou xa preto de 850 obras audiovisuais de diversa índole para dar forma ao complemento fílmico do seu temario. Por cuestións a tratar, sen dúbida salienta polo seguimento achegado os temas da Segunda República República, da que se ofrecen case 150 vídeos, a vida de Alfonso XIII (177 pezas), o tempo e o ronsel deixado por Alfonso XII (141 vídeos) ou o reinado de Isabel II (a cifra nada desprezábel de 113 vídeos). Por certo que na sección de debate, son innumerábeis as consultas e o parabéns ao profesor Manuel González polo importante traballo despregado a prol do coñecemento das novas xeracións... e non tan novas.

PUBLICIDADE