A canle da CRTVG, gañadora do concurso de Twitter en galego

mércores, 18 de maio do 2016 Redacción

Xa sabemos o nome da entidade premiada na segunda convocatoria do Premio á conta 2016, dirixido a salientar e visualizar os usuarios de Twitter que aposten polo galego na rede social. Segundo fan saber dende a iniciativa Twitter en Galego, impulsora do certame, este ano a conta oficial da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) fíxose co devandito recoñecemento. Este, como lembraremos, convocouse novamente para promover o uso do noso idioma nos novos servizos 2.0 de comunicación. Os encargados de achegar as candidaturas para o galardón foron os propios usuarios de Twitter. O concurso comezou o 26 de abril e rematou onte o 17 de maio, co gallo da festividade dupla do Día das Letras Galegas e o Día Internacional de Internet.
Segundo fan saber os impulsores do concurso, a decisión foi tomada tras moito deliberar e non sen certas dificultades, “pois os tres finalistas son grandes exemplos do bo uso da nosa lingua na rede”. Os outros dous finalistas foron, por certo, a canle Quenchedera (que está a celebrar hoxe, por certo, os seus 13.000 seareiros) e a de CantoGhalpón. Finalmente a canle máis votada do certame foi a da CRTVG e iso, segundo apuntan dende Twitter en Galego, tivo que ver moito na elección, “así como o traballo que vén realizando á hora de informar diariamente que ofrece como un medio público". Segundo fan saber os impulsores do certame, “por sorte para o galegos e galegas as nosas Radio e Televisión está á última no que se trata de difundir a través das redes sociais e empatizar cos seus usuarios e usuarias en comparación con outras canles e antenas”. Ademais, indican, o uso de imaxes e vídeos de calidade, o bo xogo coas iconas e a calidade lingüística “fan dela unha boa conta”. Segundo salientan, “este premio vai para os traballadores e traballadoras que están detrás dun perfil en Twitter e noutras redes sociais e que se encargan de difundir do mellor xeito a nosa lingua entre os e as internautas”.

PUBLICIDADE