A candidatura a Patrimonio Mundial de Ferrol xa se pode ver na Rede

xoves, 13 de novembro do 2014 Redacción

Estar ou non estar na Rede resulta decisivo á hora de promoverse. É o caso de Ferrol, que vén de pór en Ferrol.es -dentro do apartado adicado á súa candidatura a Patrimonio Mundial- unha sección na que os usuarios interesados poderán consultar a base de datos que inclúe os máis de 3.000 rexistros de planos e documentos relacionados cos bens que conforman a candidatura a Patrimonio Mundial procedentes de arredor dunha vintena de arquivos nacionais e internacionais.
Emporiso, partindo deste sistema de consultas, ao que se accede premendo na pestana documentación e que se irá actualizando a medida que se vaian achegando novos documentos aos arquivos do Centro de Documentación do Patrimonio de Ferrol (CDPF), os interesados poden coñecer a dispoñibilidade dun determinado documento e solicitar cita para a súa consulta física na sede do Centro de Documentación ou no antigo Hospicio. O Centro atende consultas previa cita a través do teléfono 981 36 43 17 (ext. 31), de luns a venres de 10:30 a 13:30 horas; ou ben a través de correo electrónico.
O CDPF acubilla toda a documentación (imaxes, planos e documentos) relativa ás fortificacións, Arsenal e barrio da Magdalena, recompilada ao longo de anos de traballo do CIEFAL (Centro Internacional de Estudos sobre Fortificación e Apoio Loxístico), coa colaboración de institucións públicas e da entidade Ferrol Metrópole, xa disolta e que o pasado ano cedeu todo o material dispoñible á Administración local ferrolá. Até o de agora, dito material só é de consulta, non son posibles cesións, nin empréstamos.
Por último, dicir que arestora estase a traballar na revisión e actualización dos plans directores da Candidatura a Patrimonio Mundial, para que, unha vez rematada esta tarefa o Concello de Ferrol poida presentar de xeito oficial a candidatura diante das instancias correspondentes.

PUBLICIDADE