A cadea de bloques no contexto COVID, polo miúdo nun webinar da RAGC

venres, 13 de novembro do 2020 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra organizan o vindeiro xoves 19 de novembro, ás 19.00 horas, o seminario virtual A tecnoloxía das cadeas de bloques: alén do bitcoin e contra o coronavirus, impartido polo profesor Martín López Nores, doutor do Departamento de Enxeñaría Telemática da UVigo.
A charla en liña é de balde e a inscrición pódese realizar xa través da Rede. A conexión farase a través de Zoom. A actividade forma parte das conferencias do I Ciclo Aida Fernández Ríos, impulsadas pola RAGC e a Deputación de Pontevedra.
As charlas comezaron en setembro cun achegamento ás novas terapias para loitar contra o cancro e proseguiron logo con aproximacións aos nanomedicamentos (1 de outubro), ao cambio estacional e o fuso horario de España (22 de outubro) e aos paradoxos da Intelixencia Artificial (3 de novembro). Logo da charla deste 19 de novembro, será a quenda da sesión Incerteza e ciclo económico (26 de novembro) e das microalgas e o mar como fonte de saúde (3 decembro).

PUBLICIDADE