A biblioteca virtual Bivir achega xa máis de 170 obras literarias traducidas á nosa lingua

martes, 1 de outubro do 2013 Redacción

A Rede permite moitas cousas, e algunha delas tan importante como ler en galego autores que endexamais foron publicados en galego. Isto que pode parecer irrelevante para quen nunca colle un libro nas súas mans, ou para quen sente pouco ou nulo interese polo galego, ten para os seareiros da literatura na nosa lingua os mesmos materiais que as cousas que marcan un antes e un despois, literaria, editorial e culturalmente. Toda esta lea vén a conto porque vimos de descubrir, con motivo do Día Internacional da Tradución, o traballo recente da biblioteca virtual Bivir, unha iniciativa que entre outras cousas permítenos ler en galego a autores aos que doutro xeito, cos incentivos á publicación á baixa, sería imposíbel lermos na nosa lingua. Por exemplo Lord Dunsany, Mark Twain, Jane Austen ou Alexander Pope.
Trátase dun servizo posto en marcha pola Asociación de Tradutores Galegos e que neste intre acubilla a cifra nada desprezábel de máis de 170 títulos da literatura universal, adaptados ao galego e habilitados na dia plataforma en liña para a súa descarga en formatos PDF. Estamos ante novelas e escolmas de contos ceibes de dereitos, polo que se poden baixar de balde. Amais de obras clásicas tamén hai achegas das propias tradutoras e tradutores, que son os que fixeron posíbel que teñamos ao alcance da man este importante legado de coñecemento.

PUBLICIDADE