A beta de Adobe Flash Player 10 incorpora funcións de P2P

venres, 16 de maio do 2008 Marcus Fernández

Adobe acaba de estrear unha nova versión de proba da versión 10 do reprodutor de Flash, tanto para Windows, Mac OS X e Linux (deixando de discriminar así ao sistema operativo de código aberto, ao que as actualizacións de Flash se incorporaban con bastante retraso) aínda que polo momento só se pode descargar a versión en inglés.
Esta nova versión incorpora un novo motor de visualización de textos e de efectos tridimensionais, soporte para mapas de bits de grande tamaño, efectos e filtros personalizados e moitas outras melloras entre as que sorprende unha serie de características orientadas á descarga de contidos mediante P2P, o que podería servir para achegar actualizacións e para a descarga de material multimedia de xeito distribuído, podendo converterse nun dos servizos P2P máis importantes a nivel global.
Con esta solución podería ser máis doado satisfacer a demanda de certos vídeos moi solicitados nun momento puntual (sen precisar o uso de servizos coma os de Akamai), e mesmo podería posibilitar a creación de plataformas coma Joost baseadas en tecnoloxía de Adobe.

PUBLICIDADE