A banda larga entrará na zona vella de Lugo pola praza do Campo e as rúas Nova, Miño e Tinería

luns, 9 de novembro do 2020 S. P.

A fibra óptica (tecnoloxía FTTH) ten tendencia á alza no casco histórico de Lugo. Segundo confirmou o Concello, a experiencia piloto para implantar a dita tecnoloxía na zona vella lucense abranguerá a mazá da praza do Campo, a rúa Nova, Miño e Tinería. Na mañá deste venres 6 de novembro celebrouse a primeira reunión entre Concello e Telefónica para avanzar nos aspectos técnicos do acordo, que tamén inclúe levar banda larga á contorna rural do municipio.
O encontro, coordinado polo edil de Urbanismo Sostíbel, Miguel Couto e ao que tamén asistiu o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, acompañados por persoal dos servizos de Arquitectura e Electromecánicos así como polos responsábeis do despregamento de fibra óptica en Galicia, Lugo, Santiago e a Coruña e do deseñador de rede da empresa de telecomunicacións, serviu para abordar a información relativa aos proxectos que se programen.
As partes implicadas coincidiron en identificar esta xuntanza primeira como o inicio do proxecto piloto enmarcado na mazá comprendida pola praza do Campo e as rúas Nova, do Miño e a Tinería. Tamén sinalaron que esta área será “a primeira do recinto amurallado en dispoñer de banda larga, co obxectivo de estender logo este modelo ao resto da contorna e tamén á zona rural, entendendo a conectividade, e máis neste contexto social de pandemia, como unha ferramenta laboral indispensábel. O equipo de traballo acordou manter unha nova reunión en 15 días para realizar unha posta en común das tarefas realizadas durante estas dúas semanas.

PUBLICIDADE