A banda larga amplíase a sete novas zonas do rural de Vilagarcía

venres, 23 de decembro do 2022 S. P.

O Concello de Vilagarcía fixo balance dos vindeiros traballos despregados no termo municipal para levar a todos os fogares e empresas Internet de banda larga a través de tecnoloxía FTTH (Fibra Até o Fogar). Asi, faise saber dende o Consistorio que sete novas zonas do rural e do extrarradio de Vilagarcía que na actualidade carecen de conexión a Internet disporán de infraestrutura de larga nos vindeiros meses grazas á nova fase do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais, o Plan Único que está a desenvolver o Goberno estatal a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, financiado con fondos europeos.
O Consello da Xerencia de Urbanismo do Concello concedeu xa a licenza para a execución dos traballos que estenderán a infraestrutura de telecomunicacións as rúas Sarxento Solla e Carballeira (Cea), a Veiga de Abaixo (Sobradelo), ao lugar do Areeiro (Solobeira), a rúa Monte Xaquín (A Laxe), a rúa Cruceiro (Galáns) e a rúa Os Anxos (Trabanca Sardiñeira).
Estes novos traballos para a ampliación da infraestrutura de telecomunicacións serán executados por Telefónica-Movistar, tal como figura no convenio de colaboración pública privada asinado entre o Estado (que financia o 65% do investimento) e a operadora (que aporta o 35% restante).
Antes desta actuación xa se tiñan desenvolvido en Vilagarcía fases anteriores do Plan Único e está prevista a realización de outras máis ata o remate do ano 2024. Lugares de Rubiáns, Trabanca Badiña, O Sixto, Fontecarmoa, A Lomba, Vilaxoán, Cornazo, Faxilde, Vilaboa ou Bamio tamén se beneficiarán do devandito plan.

PUBLICIDADE