A banca electrónica e os caixeiros de Abanca quedan sen servizo por un problema técnico

martes, 26 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos anos os servizos bancarios procuraron trasladarse das oficinas ás canles electrónicas, de xeito que os caixeiros automáticos e a banca electrónica son agora máis importantes que nunca, de aí que o incidente que está a experimentar Abanca resulta especialmente grave, xa que dende o mediodía os seus clientes non poden acceder ao seu servizo de banca electrónica para operar, afectando este fallo de comunicación tamén aos caixeiros automáticos, que se atopaban fóra de servizo, ante o que a entidade optou por ofrecer aos usuarios a posibilidade de empregar caixeiros doutras entidades comprometéndose a devolver as comisións xeradas.
Por fortuna, o uso das tarxetas de Abanca como forma de pagamento non se viu afectado, polo que os usuarios que realizan compras con tarxeta de xeito cotián non padeceron os efectos deste grave incidente que deixou máis da metade da xornada sen servizo aos máis de dous millóns de clientes da entidade bancaria.

ACTUALIZACIÓN (27-2-2019): A primeira hora da mañá Abanca asegura ter solucionado a incidencia nas súas comunicacións en oficinas e caixeiros, estando a traballar para recuperar a funcionalidade no resto de servizos.

ACTUALIZACIÓN: Dende a Unión de Consumidores de Galicia critican duramente o incidente de Abanca, tanto pola falta de transparencia da entidade bancaria (que non desvelou as causas do cesamento do servizo de caixeiros e banca electrónica) como pola mala xestión da atención ao cliente (por non esforzarse a entidade en informar aos seus clientes, tranquilizalos e orientalos).
Pola súa banda, Abanca confirma que procederon a devolver as comisións dos clientes que durante o incidente tiveron que empregar caixeiros automáticos doutras entidades, pero aínda que si deron conta da recuperación do servizo en caixeiros automáticos, no caso da banca electrónica estamos ante unha caída sen precedentes, de xeito que o servizo non se recuperou en toda a xornada.

PUBLICIDADE