A axencia GaliciaBanner estrea un servizo de mellora da imaxe virtual dos seus clientes

xoves, 10 de maio do 2007 Raquel Noya

A fin de mellorar a imaxe de marca dos seus clientes en Internet, a axencia de medios interactivos GaliciaBanner, vén de ampliar a súa capacidade de marketing en liña ó destinar a un membro do seu equipo profesional única e exclusivamente a mellorar a presenza na Rede dos seus clientes.
Por primeira vez en Galicia (que saibamos, claro), esta axencia leva a cabo o concepto de SMO (Social Media Optimization), un termo acuñado en agosto de 2006 por varios expertos internacionais de marketing na Rede, como un sucesor natural do SEO (Search Engine Optimization) e como un recurso que se adapta á nova época colaborativa da Web 2.0.
Ademais de velar pola mellor colocación das webs dos seus clientes nos motores de procura (como Google, Yahoo! ou Altavista), o responsable de SMO de GaliciaBanner ten que avaliar as páxinas colaborativas, blogs e foros centrados nos eidos de acción das devanditas compañías para que a información dos seus produtos e servizos sexa “aberta, transparente, clara e sincera”, en termos da propia firma.
Deste xeito, o concepto de SMO convida ás empresas a lanzarse ó novo modelo de web con mellores e maiores posibilidades de retroalimentación e interactividade de xeito que se impliquen máis no proxecto virtual e traten de mellorar os seus propios espazos na Rede, o que desenvolverá unha mellor imaxe de marca de cara ó público.

PUBLICIDADE