A aula CeMIT de Ribeira introduciu nas TIC a unha vintena de rapaces

luns, 19 de agosto do 2019 Redacción

A concelleira de Innovación Tecnolóxica de Ribeira, Ana Barreiro Rego, clausurou o pasado venres os primeiros cursos infantís de introdución á informática, que baixo o título Agosto Dixital, está a organizar o Concello este verán na aula CeMIT. A acción formativa estivo dirixida a nenos e nenas de 6 a 9 anos, e nela participaron 21 cativos. Segundo informou o Goberno local, malia que o programa inicial era fornecer á rapazada dun único curso, duplicáronse as prazas dada a demanda, dando cabida a dúas clases diarias con participación de 12 e 9 alumnos respectivamente.
Ana Barreiro entregou aos pequenos cadanseus diplomas acompañada do axente TIC responsábel da xestión da aula, Manuel Bello. Do 20 ao 30 de agosto haberá un novo curso sobre novas tecnoloxías, desta vez orientado a rapazada de 10 a 14 anos.
A aula CeMIT de Ribeira está situada no número 1 da rúa Cubeliño. As novas instalacións foron inauguradas en 2012, nos baixos da Escola Infantil Municipal. A aula CeMIT de Ribeira ocupa un espazo duns 80 metros cadrados e conta cunha ducia de postos informáticos de traballo, equipo profesional de videoconferencia e proxección de vídeo, entre outros equipamentos tecnolóxicos avanzados.

PUBLICIDADE