A aula CeMIT de Boiro comeza o ano con media ducia de obradoiros de informática

luns, 20 de xaneiro do 2020 Redacción

A aula CeMIT de Boiro, o espazo de alfabetización dixital ao servizo da veciñanza do concello, comezou 2020 cun completo programa de actividades. En concreto, estes meses de xaneiro e febreiro o centro de divulgación e dinamización TIC boirense organiza media ducia de accións formativas sobre outros tantos ámbitos do fenómeno tecnolóxico. A aula, emprazada no primeiro andar do Centro Social (na rúa principal de Boiro), comeza a nova tempada formativa cun curso de iniciación á informática (os días 20, 21, 22 e 23 de xaneiro) e con outro sobre Internet (os días 28, 29, 30 e 31). Estes dous obradoiros celebraranse en horario de 10 a 12.00 horas.
A partir de febreiro, o día 4, comeza un curso de iniciación ao correo electrónico (os días 4, 5 e 6) e, un algo máis tarde, arranca un obradoiro sobre redes sociais (días 11, 12, 13 e 14). A mediados de mes, o día 18, está previsto que comece unha acción formativa sobre deseño gráfica con Inkscape (días 18, 19 e 20 de febreiro), para rematar o mes co curso Trámites electrónicos para asociacións, os días 24, 25, 26 e 28 de febreiro. Todas estas citas formativas son de balde e desenvólvense pola mañá (en horario de 10 a 12 horas).

PUBLICIDADE