A aula CeMIT de Ames volve con cursos de iniciación TIC telemáticos e presenciais

luns, 28 de setembro do 2020 S. P.

A aula CeMIT do Concello de Ames vén de compartir o seu programa formativo para outubro, novembro e decembro, unha completa axenda de cursos para introducir á veciñanza nas vantaxes das novas ferramentas da información e a comunicación, todos eles co nexo común de ser cursos seguros con aforo limitado, medidas hixiénico-sanitarias e distancia de seguridade para as e os participantes. Na programación do último trimestre de 2020 da Aula CeMIT incorpóranse tres cursos presenciais para adultos. Comezarase en outubro co de iniciación á informática para, unha vez asentados os contidos básicos coma o manexo do rato e teclado, acender e apagar os equipos e coñecer a xestión do sistema operativo. Este curso será do 6 ao 22 de outubro (os martes e xoves), de 10.30 a 12.00 horas.
Continuarase co curso de iniciación á Internet. Este impartirase entre finais dende o 27 de outubro ata o 19 de novembro. Nel explicarase como funciona a web: manexo de navegador, interface das páxinas, servizos de interese e introdución ao uso dun ordenador para seguir os nosos cursos telemáticos dende a casa.
Os cursos presenciais, que teñen un aforo máximo de 9 participantes, rematarán co obradoiro de iniciación ás redes sociais, que se impartirá do 24 de novembro ata o 3 de decembro (os martes e xoves), en horario de 10.30 a 12.00 horas.
Ofimática dende a casa
Como nas programacións anteriores, ofertaranse cursos telemáticos. Para poder inscribirse precísase un ordenador co software necesario (LibreOffice) e conectado á Rede para poder seguir a retransmisión en directo dende YouTube (luns, martes e xoves) e conectar coas prácticas voluntarias en Jitsi Meet (mércores e venres).
En outubro comezarase cos cursos destinados a introducir á suite ofimática LibreOffice, con dous obradoiros sobre o procesador de textos LibreOffice Writer (un de iniciación e outro máis avanzado) e outros dous de follas de cálculo.
Introdúcese tamén o curso telemático de presentacións de LibreOffice Impress. Trátase dunha actividade formativa de introdución ata o nivel medio de creación de presentacións con Impress: peculiaridades das presentacións, interface do programa, así coma inserción e formante diferentes elementos.
Cursos dende a casa para menores
En canto ás actividades formativas destinadas a menores, está previsto un curso de informática de mecanografía que se realizará o xoves 1 de outubro, en horario de 17.30 a 19.00 horas. Será unha sesión única dende YouTube coma introdución á mecanografía mediante a plataforma en liña de Typing.com.
Tramites de inscrición
Para inscribirnos nalgunha das actividades será preciso estarmos rexistrados de balde na rede CeMIT. Para máis información ou facer a reserva podemos acceder á aula no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns ou poñernos en contacto a través do número teléfono: 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal.

PUBLICIDADE