A aula CeMIT de Ames comeza setembro cun curso en familia sobre programación

luns, 2 de setembro do 2019 Redacción

Logo do peche de verán, o Concello de Ames informou hoxe da apertura da súa aula CeMIT, que comeza o mes con novidades importantes relativas ao seu labor permanente de divulgación e alfabetización tecnolóxica. A programación de cursos de setembro inclúe incorporacións como un curso en familia e maila ampliación nos horarios de cursos para adultos, con dúas horas por sesión.
Respecto da ampliación do horario, tivo a súa primeira quenda a pasada primavera, acadándose resultados moi satisfactorios por parte da veciñanza. En base a isto, este setembro as clases pola mañá serán de 10:30 a 12:30 horas e polas tardes de 18:00 a 20:00 horas.
Respecto da outra novidade, o curso en familia, será unha actividade formativa onde pais e nais poderán matricularse cos seus fillos e fillas para aprender xuntos/as. Esta nova iniciativa porase a funcionar cunha actividade sobre a ferramenta de programación Scratch, moi axeitada para aquelas usuarios e usuarios que estean a dar os seus primeiros pasos na construción de programas e de aplicacións. Esta actividade desenvolverase o luns 9 de setembro, en horario de 9:30 a 13:30 horas.
Segundo lembra o Concello, Scratch é unha linguaxe de programación por bloques “moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da informática na programación”, dando pé a que logo afonden na robótica educativa e outros eidos máis avanzados da tecnoloxía e da robótica.

PUBLICIDADE