A aterraxe marciana do Curiosity poderá seguirse dende a Xbox 360

venres, 3 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Ás 7:30 horas do vindeiro luns agárdase que o Curiosity chegue á superficie de Marte e para celebralo Microsoft decidiu retransmitir o acontecemento para os usuarios da súa consola de videoxogos doméstica, a Xbox 360, que poderán unirse a NASA TV para ver a chegada do Mars Rover na súa misión para estudar unha serie de condicións en Marte e recoller datos de cara a futuras misións tripuladas ao Planeta Vermello. Dende Microsoft aseguran que a retransmisión en directo está dispoñible para case todas as rexións, non chegando a concretar se en España estará dispoñible.
Mentres non chega o momento está dispoñible para a súa descarga de balde o xogo Mars Rover Landing, desenvolvido dende os KINECT Fun Labs, que permitiranos probar a nosa habilidade asegurando a aterraxe do Rover e o seu obxectivo. Para iso haberá que utilizar o noso propio corpo (polo que precisa do sensor KINECT) para dirixir a nave e controlar os impulsores durante o descenso.

Se temos KINECT poderemos xogar a controlar a aterraxe do Curiosity

PUBLICIDADE