A asociación galega INEO renova a directiva da confederación estatal CONETIC

venres, 25 de abril do 2014 Redacción

Os membros do novo comité executivo da patronal estatal TIC

A asemblea de CONETIC, Confederación Española de Empresas TIC vén de elixir ao seu novo comité executivo, que unha vez máis estará presidido por INEO, asociación de empresas do sector tecnolóxico-dixital galego. Con esta decisión, CONETIC certifica, recoñece e avala o labor desenvolvido pola súa homóloga galega. En virtude da designación, o presidente de INEO, Jorge Cebreiros, estará durante os vindeiros dous anos á fronte da patronal estatal.
Segundo informa a asociación galega, Cebreiros unirá a presidencia de CONETIC e INEO á súa participación na comisión de I+D+i e Internacionalización na Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), como representante da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP). O resultado desta tripla concorrencia é que a plataforma galega vai aglutinar a máxima representación nos que a asociación cualifica de “tres organismos máis relevantes para o sector TIC en tódolos ámbitos territoriais”. Ademais, fortalecerá o seu potencial para situar a tecnoloxía galega e influír na toma de decisións, a nivel estatal e europeo, “que determinarán o futuro do sector en Galicia”.
O novo comité executivo que acompañará a INEO durante os próximos dous anos estará composto por AETICAL e ASCENTIC como vicepresidentes primeiro e segundo, respectivamente, TECNARA como secretario, ATANA como tesoureiro e AERTIC e CLUSTER CET como vogais. Segundo explica a asociación galega, a dirección cinguirá continuidade ao manterse en cargos da dirección gran parte do equipo directivo anterior e renovación, “para afrontar os novos retos que expón a fase de maduración actual do proxecto”.
Logo da asemblea e a súa relación, Cebreiros tivo oportunidade de amosar as liñas básicas e os principais obxectivos deste novo período, entre os que salientou “o afianzamento de CONETIC como interlocutor do sector con institucións, organizacións empresariais e representantes doutros sectores produtivos, así como o posicionamento do sector TIC no exterior e, principalmente, en países de Europa e Latinoamérica”.

PUBLICIDADE