A asociación de consumidores ASGECO logra que Telefónica modifique a súa publicidade

mércores, 30 de maio do 2012 Raquel Noya

Imaxe que emprega Telefónica para anunciar o seu servizo Movistar Imagenio Familiar

A Asociación General de Consumidores, ASGECO, interpúxolle unha reclamación a Telefónica a pasada semana, tras constatar que a compañía estaba a vender dende a súa web o servizo Movistar Fibra Óptica 100/10MB Imagenio Familiar llamadas a móviles, ao prezo de 62,80 €/mes, sen especificar por ningures que, ademais deste custo, o consumidor tiña que facerse cargo da cota de liña de 13,79 euros.
Agora, resolta a reclamación, ASGECO Confederación anuncia congratularse da modificación que segundo din “se viu obrigada a realizar a empresa Telefónica de España S.A.U. na publicidade comercial dun dos seus produtos”.
Segundo afirman, a entidade acaba de recibir confirmación da modificación dende a Asociación para a Autorregulación da Comunicación Comercial, Autocontrol, o organismo encargado de velar por unha publicidade veraz, leal, honesta e responsable en todo o Estado, da que Telefónica, paradoxalmente, tamén forma parte.
ASGECO Confederación considera que o prezo dos produtos e servizos ofrecidos polas empresas a través de Internet “ten que incluír sempre tódolos custos finais”, e anima aos consumidores e consumidoras “a denunciar as prácticas que considere enganosas neste sentido”, coa fin de acabar coa competencia desleal que prexudica a comerciantes e consumidores.

PUBLICIDADE