A asociación AGORA converteu a 26 persoas en expertas no manexo das TIC

mércores, 29 de decembro do 2021 S. P.

A asociación AGORA de Persoas con Discapacidade de Monforte de Lemos, entidade membro da confederación galega COGAMI, fixo balance do acadado co seu proxecto TIC impulsado este ano que estamos a piques de rematar, habilitado para achegar as novas tecnoloxías e o manexo de Internet ás persoas con discapacidade.
Baixo o nome de Dixitalizando o Rural, levou a formación transformadora a un total de 26 persoas, que aprenderon o manexo básico de equipos informáticos e aplicacións TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para realizar xestións como, por exemplo, saber solicitar unha cita na administración a través do uso dun aplicativo móbil ou a realización de terapias mediante a ferramenta NeuronUp (que permite deseñar actividades de rehabilitación en diferentes áreas como a logopedia, psicoloxía ou traballo social, dando a posibilidade de ver a evolución e obxectivos acadados en cada unha das áreas de actuación).
Dixitalizando o Rural foi posíbel a través do financiamento dos fondos do 0,7% de IRPF da declaración da renda procedentes das persoas contribuíntes que marcaron o recadro de Actividades de interese xeral consideradas de interese social e que xestiona a Xunta de Galicia.
AGORA, con este financiamento, puido abastecerse de equipamento informático, tabletas, equipos de sobremesa e portátiles que permitiron o desenvolvemento da actividade.
O programa tivo unha duración de 12 meses pero a entidade dará continuación o mesmo durante os vindeiros anos, xa que considera que “o manexo das novas tecnoloxías é unha ferramenta fundamental para mellorar calidade de vida e autonomía das persoas con discapacidade”.

PUBLICIDADE