A asemblea xeral do Cluster TIC celébrase de portas abertas e a continuación da Lacon Network

mércores, 23 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

A Asemblea Xeral Ordinaria do Cluster TIC Galicia, que se desenvolverá este venres, día 25, en Santiago a partir das 17 horas, será de portas abertas e estará precedida pola Lacon Network, encontro gastronómico-tecnolóxico dos nosos profesionais TIC, que contará nesta nova edición coa presenza de Juan Santesmases, conselleiro delegado de Zitralia. O Cluster, como recordaremos, asume a organización da 28 edición desta xuntanza empresarial, sendo o operador R o patrocinador do evento.
Como dixemos, no encontro (que vai pola súa 28 edición) participará o conselleiro delegado de Zitralia, que amosará as claves do éxito deste e outros proxectos, amais do seu punto de vista sobre o futuro do sector TIC. Lembrar que Zitralia é unha empresa centrada no desenvolvemento de sistemas de seguridade avanzada. Polo seu potencial innovador foi incluída no Top 100 da revista Red Herring.
Tralo relatorio darase paso á comida de ambiente distendido e de traballo en rede propia de todas as edicións desta xuntanza.
Ás 17.00 horas, en primeira convocatoria, e ás 17:30, en segunda, os socios do Cluster están chamados á Asemblea Xeral Ordinaria, que será de portas abertas, polo que é previsible a asistencia de emprendedores e empresarios non integrados na entidade pero que teñan participado na Lacon Network e queiran quedarse a coñecer de primeira man o labor do Cluster TIC Galicia. Tanto a conferencia e a comida da Lacon Network como a Asemblea Xeral do Cluster terán lugar no Hotel Los Abetos, no barrio compostelán de San Lázaro.

PUBLICIDADE