A app galega para os coidadores de persoas con alzhéimer xa está dispoñíbel para iOS

venres, 14 de outubro do 2016 Redacción

YoTeCuido, a aplicación móbil galega para axudar ás persoas con alzhéimer e ás familias e aos coidadores, xa está dispoñíbel para dispositivos con iOS. A ferramenta, que é de balde e foi desenvolvida pola firma coruñesa Lapisoft, foi presentada a finais de verán coincidindo coa celebración internacional do Día do Alzhéimer. Ao longo da súa andaina, obtivo máis de medio milleiro de descargas para sistemas Android. Trátase, sinalan os seus creadores, dunha aplicación de gran utilidade e potencial para subministrar información e apoio ás persoas acabadas de diagnosticar da dita doenza e aos seus coidadores.
A ferramenta, desenvolvida de xeito altruísta pola galega Lapisoft en colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de A Coruña (AFACO), subministra respostas prácticas, “xurdidas da propia experiencia”, para problemas relacionados coa alimentación (que facer cando persoas con alzhéimer non queren comer? como facilitar que trague sen atragoarse?) ou coa saúde (medicación, coidados de enfermería básicos…). Tamén subministra claves básicas sobre comunicación e sobre recursos (sociais e legais) dispoñíbeis, exercicios físicos a desenvolver coa persoa doente e actividades de estimulación cognitiva destinadas a manter ao afectado activo a nivel físico e mental.
Ademais, conta cunha listaxe completa de asociacións de familiares de toda España e unha sección exclusiva para a persoa coidadora na que poden atoparse exercicios físicos pensados para ela, amais de consellos e información sobre o chamado “síndrome do coidador” (síntomas, como evitalo…), trastorno propio deste colectivo.

PUBLICIDADE