A app de Viaqua enfía o seu primeiro aniversario evitando desprazamentos e facilitando trámites

luns, 24 de abril do 2017 Redacción

Para quen non o saiba, a compañía Viaqua ten dende hai case un ano a disposición da cidadanía unha aplicación de balde (App da Oficina Virtual) para que os usuarios poidan facer todas as súas xestións e sen desprazamentos. A ferramenta móbil, habilitada para sistemas Android e iOS, é literalmente unha oficina virtual con todos os elementos precisos para levar a cabo un trámite ou operación dende calquera lugar e en calquera intre do día. En palabras de Viaqua, esta aplicación de software para dispositivos móbiles ou tabletas posibilita “un espazo práctico e áxil dende o que os aboados do servizo poderán levar a cabo as operacións habituais do seu contrato”. Por certo que este mes de abril a app foi obxecto dunha serie de melloras e actualizacións, engadíndose novas funcionalidades para o rexistro en liña e máis a xestión de altas, baixas e cambios de titular dos subministros de auga. Arestora está dispoñíbel a versión 1.6.2 da aplicación.
Nun plano máis concreto, grazas a este recurso os usuarios poden facer cousas como o pago das facturas, a consulta ao detalle de todas a facturas emitidas ou coñecer se hai pagos pendentes. Tamén é posíbel facer seguimentos da evolución do consumo particular durante os últimos meses (a través de gráficas) así como o seu importe relacionado. Asemade, fornece aos clientes da posibilidade de modificar os datos de pago e de correspondencia do contrato. Esta aplicación gratuíta tamén permite darse de alta no servizo da factura sen papel, en palabras de Viaqua, “un sistema ecolóxico e seguro para recibir todas as facturas e consultalas en liña cando se precise”.

PUBLICIDADE